A nosa especie, o homo sapiens, naceu hai 100.000 anos. Se a historia da Terra estivese contada nun día, o home aparecería 1'7 segundos antes da media noite. Somos uns recén chegados. O homo sapiens foi a especie elixida, a que sobreviviu e evolucionou. Antes, outras especies parecidas intentárono sen éxito e extinguíronse, como o neanderthal.
Tamén o home estivo a punto de desaparecer en varias ocasións. A súa intelixencia, creatividade e as mutacións xenéticas salvárono da extinción. Os cambios climáticos provocaron o salto evolutivo da especie humana.
O estudo dos restos fósiles e as análises xenéticas do ADN nos remotan á orixe do home e a súa evolución. Os restos humanos máis antigos están en Sudáfrica. Hai 50.000 anos, unha glaciación estivo a punto de rematar coa humanidade. Só uns centenares sobreviviron, abeirados en covas da costa sudafricana. Alimentábanse de tubérculos e produtos do mar.
Pero chegou un momento en que os alimentos escaseaban. Abandonaron Africa e emprenderon viaxe cara ao sueste asiático. Sorprendentemente, a primeira zona que poboaron foi Australia. Naquela época o nivel do mar estaba moi baixo e só 250 kms de auga separaban Asia de Australia. Continúa sendo un misterio como lograron cruzar, pero é un feito que o fixeron. Os restos fósiles de hai 50.000 anos confírmano.
Hai 45.000 anos poboaron Asia central, a India e China. O grupo da India adaptouse moi ben e creceu rapidamente. O grupo de China, en cambio, quedou illado durante moitas xeracións. Desenvolveu mutacións xenéticas para adaptarse mellor ao seu hábitat. Así naceron os trazos asiáticos. Pero o clima volveu cambiar e fortes secas asolaron Asia. O grupo de Asia central partiu cara a terras máis frías en busca de pastos. Foron os primeiros poboadores de Europa, hai 40.000 anos.
O home non chegou a América ata hai 15.000 anos. De novo, un cambio climático foi determinante. Durante a última glaciación, un grupo asiático cruzou o estreito de Bering conxelado. Ao volver subir o nivel do mar, quedou illado no novo continente e desenvolveu os trazos indíxenas característicos. Fai tan só 500 xeracións que o home rematou de conquistar todas as zonas habitables do planeta.
Os cambios climáticos dominan a evolución do ser humano. Hoxe enfrontámonos a un novo cambio climático de consecuencias impredicibles. Saberemos adaptarnos aos novos retos como o fixeron os antepasados? Quizais esteamos ás portas dunha nova etapa da evolución humana.
En 1831, o mozo Charles Darwin embarcaba a bordo do Beagle, nunha travesía que cambiaría para sempre a súa vida e a historia da ciencia. Acababa de abandonar os seus estudos de Medicina, e fuxía da vida de clérigo que o seu pai lle tiña preparada. Embarcou sen unha función específica a bordo. Durante os cinco anos de viaxe, foi asumindo cada vez máis o papel de naturalista.
O Beagle tiña a misión de cartografar a costa sudamericana. A Darwin impresionoulle a beleza daquelas paisaxes, tan afastados e diferentes da vella Inglaterra. A Patagonia, a Terra de Lume, o arquipélago de Chiloé e, sobre todo, as illas Galápagos.
Os pimpíns e as tartarugas xigantes das Galápagos fascináronlle. A súa curiosidade levouno a recompilar unha gran cantidade de fósiles. A fauna que vía era nova para el. Non obstante, chamáballe a atención o parecido coas especies europeas. O mesmo sucedía cos fósiles que recollía. Os animais extintos parecíanse moito aos actuais, aínda que non eran iguais. Empezou a concibir a idea dunha selección natural.Pensou que todas as formas vivas tiñan unha orixe común e, mediante pequenas e lentas transformacións, evolucionaron nas diversas formas de vida que hoxe coñecemos. Cando algúns individuos dunha especie desenvolven unha vantaxe que lles permite adaptarse mellor ao medio, sobreviven e reprodúcense. Os seus descendentes herdan esa vantaxe adaptativa. Mentres que os individuos peor adaptados non sobreviven, deixan descendencia e acaban extinguíndose.
De xeración en xeración, as diferenzas fanse maiores e dan orixe ás distintas especies. A evolución é tan lenta ao longo dos eóns xeolóxicos, e a nosa vida tan curta, que por iso non podemos aprecialo.
Darwin publicou a súa teoría sobre a orixe e a evolución das especies en 1.859. Foi unha revolución do pensamento. A sociedade acolleu ben as súas ideas. Bateu récords de vendas e esgotáronse varias edicións. Uns anos antes Malthus publicara o seu ensaio sobre a poboación, no que dicía que a poboación crece a un ritmo moito maior que os recursos, o que dá lugar a guerras e calamidades, e só os máis aptos sobreviven. Agora, Darwin aplica a mesma idea ao mundo natural.A súa teoría supúxolle o enfrontamento coa igrexa anglicana e os sectores ingleses máis conservadores. Concibían a Creación como algo inmóbil. Para eles, Deus creou as especies tal e como as coñecemos, e o home non era unha criatura máis senón que estaba nunha escala superior. A evolución de Darwin priva o home da súa posición privilexiada. É un produto máis da evolución, e a súa orixe é común co resto de especies. Fixéronse crueis caricaturas de Darwincoa famosa lenda de que o home descende do mono. Algo que, por certo, el nunca dixo, polo menos non así.
Darwin foi consciente da revolución científica e cultural que supoñía a súa teoría. Por iso tardou tantos anos en publicala, e só o fixo cando pensou que outro colega, Wallace, se lle ía adiantar.
Ao longo do século XX, as teses de Darwin continuaron sendo polémicas. Algúns apropiáronllas para xustificar a supremacía dunhas razas fronte a outras, ou dunhas clases sociais fronte ao resto. Hoxe, nalgunhas zonas de América, seguen sendo rexeitadas polos creacionistas.
Europa, unha das catro lúas, que Galileo descubriu en torno ao planeta Xigante Xúpiter chama poderosamente a atención dos científicos porque debe ter un océano de auga líquida baixo a capa xeada que o cobre. Agora parece que mesmo saen plumas de vapor de auga, como geysers de 200 metros de altura, de cando en vez, no seu polo sur. Así o suxiren unhas observacións realizadas co telescopio espacial Hubble hai un ano, cando captou excesos de hidróxeno e osíxeno en dúas zonas do hemisferio meridional do satélite galileano. O científico Lorenz Roth e os seus colegas explícano hoxe con detalle na reunión da Unión Americana de Xeofísica, que se celebra en San Frnacisco, ao tempo que publican o seu artigo correspondente na revista Science.